Telexornal de animais

Descrición

Miguel Diéguez Pérez.png

O grupo de 1º de educación primaria do CEIP Amor Ruibal de Barro realizou este proxecto durante o terceiro trimestre do curso pasado, o cal estivo marcado pola corentena e a difícil situación socio sanitaria.

Ao longo de todo o curso 2019/2020 estivemos traballando seguindo a metodoloxía de aprendizaxe baseada en proxectos, o que implicou por tanto un traballo cooperativo, colaborando por equipos para contribuír a un fin común, un único produto final.

A pandemia supuxo un obstáculo a superar, mais non un impedimento. Por sorte, no meu colexio botamos a rodar rapidamente a nosa aula virtual, pois na segunda semana de confinamento fixemos un curso de xestión de aulas virtuais de Moodle e a comezos de abril os mestres e mestras de todo o centro xa tiñamos as nosas aulas virtuais en marcha, cunha acollida incrible por parte das familias.

Coa finalidade de continuar co proxecto acerca de animais que comezaramos presencialmente durante a semana previa ao peche total, propuxemos tanto eu coma a mestra Ana María Álvarez Gregores, titora do outro grupo de 1º, unha tarefa que permitise aos rapaces e rapazas traballar de xeito individual pero mantendo o contacto cos compañeiros e compañeiras e, ao mesmo tempo, contribuíndo a un único produto final: o telexornal de animais.

Para iso, activamos unha entrada no foro da aula virtual na cal os nenos e nenas tiñan que escoller un animal sobre o que investigar, pois queriamos manter a dinámica que seguiamos na aula na cal era o alumnado o que decidía, dentro da temática a traballar, os temas que investigaría cada un dos grupos e cada un dos rapaces. 

Por outra parte, antes da investigación, a mestra Ana e máis eu colgamos diversos vídeos na conta de YouTube do colexio nos cales repasabamos as diferentes clasificacións que podía seguir a fauna, cremos que dun xeito ameno e dinámico para que os nenos e nenas puidesen seguir traballando dende a casa con motivación e alegría. 

Unha vez traballada esta parte máis teórica e resoltas as dúbidas xurdidas no foro de alumnado (no cal tamén se promovía a interacción entre os rapaces e rapazas así como das súas familias á hora de resolverse dúbidas mutuamente e de contar algunha anécdota ou o resultado dalgunha investigación ou experimento caseiro relacionados co tema), chegou o momento de comezar a traballar no telexornal de animais.

Para iso, publicamos as instrucións: gravar un vídeo curto simulando ser reporteiros e reporteiras e contar algún dato sobre o animal a investigar (nome do animal, clasificación e curiosidades, por exemplo) coa finalidade de unir todos os vídeos e crear un telexornal no que todos e todas participásemos. Para iso, habilitouse unha tarefa na aula virtual na que podían entregar os vídeos. Ademais, como moitos vídeos tiñan un tamaño maior do que soportaba a tarefa, proporcionóuselles un correo electrónico específico para o primeiro nivel de educación primaria no que podían tamén enviar ditos vídeos.

Unha vez recibidos os vídeos, creamos o vídeo final do telexornal. Para iso, os titores caracterizámonos coma presentadores da Televisión de Galicia (TVG) e dun xeito caseiro (xogando coas perspectivas fronte a televisión da nosa casa cun fondo semellante ao do telexornal real) gravamos o fío condutor de dito informativo. Ademais, para incorporar a cabeceira do telexornal e os rótulos da TVG empreguei de novo a aplicación de edición de vídeo iMovie.

Fixémolo dun xeito didáctico pero tamén humorístico, pois trátase dun vídeo longo e consideramos que esta era a mellor forma de facelo ameno e divertido non só para os rapaces e as rapazas senón tamén para as familias que o ían ver. Así mesmo, incorporei unha despedida final máis emotiva, pois o curso pasado foi o meu primeiro ano coma mestre e, por desgraza, rematou dun modo totalmente imprevisto e nunca desexado. Porén, por sorte, puiden repetir este ano no mesmo centro e co mesmo grupo.

Cómpre aclarar tamén que durante as primeiras semanas consultouse ás familias dende o noso centro educativo para comprobar se, efectivamente, todas tiñan os recursos e coñecementos para poder levar a cabo actividades deste tipo. Nalgúns casos tívoselle que proporcionar ordenadores e tablets. Ademais, tivemos que gravar algún videotitorial sinxelo acerca do uso da aula virtual dende diferentes dispositivos (móbiles, tablets e ordenadores).

É importante ter en conta esta diversidade nas situacións das familias xa que de non facelo poderíamos estar promovendo un aumento das diferenzas socioculturais entre aqueles e aquelas que teñen máis recursos e aqueles e aquelas que desafortunadamente teñen menos. 

Vídeo: Telexornal de animais

Datos xerais

Centro educativo CEIP Amor Ruibal - Barro 
Etapa  Educación primaria
Área ou temática Ciencias da natureza
Datas  Abril de 2020 - Xuño de 2020

Centro educativo

experiencias-cadrado.png

Video explicativo: Tipos de animais segundo a súa alimentación

Vídeotitorial: manexo da aula virtual