XORNADA DE PORTAS ABERTAS

No CEIP Ramón Cabanillas, dende as 9:00 ás 14:00, é onde o voso fillo/a pasará boa parte da súa escolarización, e connosco, en Infantil parte dos seus primeiros e máis importantes anos.

Neste documento recollemos as liñas básicas do funcionamento da etapa de Infantil agardamos que vos sexa de utilidade.

PARA NÓS:

  • É importante que os nenos e as nenas establezan novas relacións, por elo, é recomendable xerar as condicións axeitadas de interacción: xogar en parellas, en pequenos grupos, en gran grupo.
  • É importante ofrecerlle aos nenos e ás nenas situacións de aprendizaxe nas que poidan facer propostas, tomar decisións, organizar e anticipar as súas accións. Para isto pódense empregar diversas estratexias e recursos: a través de preguntas, cos seus propios debuxos, opinións, asembleas.
  • É de grande importancia que, de cara á valoración positiva de si mesmos, poidan comprobar a través das súas propias experiencias que son capaces de participar en todas as actividades propostas.

POR ISO

  • Potenciaremos no alumnado o desenvolvemento psicomotor, cara a un progresivo dominio e control corporal, dende a motricidade xeral ao afianzamento muscular da motricidade fina.
  • Potenciaranse no alumnado relacións interpersoais positivas, comportamentos solidarios e de cooperación para promover actitudes non discriminatorias relacionadas co sexo, a orixe racial, cultural, relixiosa…
  • Prestarase atención ao normal desenvolvemento da identidade de xénero, incidindo na importancia de non potenciar os estereotipos referidos aos roles de xénero.
  • Potenciarase a capacidade das criaturas para descubrirse e sentirse como exploradores activos, poñendo á súa disposición os medios que llo posibiliten. Favorecerase o achegamento á diversidade de recursos, coa finalidade de que os nenos e as nenas exploren e descubran os obxectos de interese presentes na contorna e potencien a psicomotridade e outras capacidades, considerarase o emprego de materiais e recursos de diversos: pesos, volumes, tamaños, texturas, cores e formas que permitan efectos distintos e interesantes; lupas, libros, foto, vídeos, internet…
  • Tentaremos que o alumnado se involucre nos proxectos con xogos e actividades que lle fagan observar, imaxinar, adiviñar, buscar alternativas, formular hipóteses.

PARA LOGRALO:

  • Xerarase un ambiente físico de aprendizaxe tranquilo, afectivamente significativo e agradable, que lles permita ás criaturas sentirse cómodas, seguras e acollidas.
  • A aprendizaxe e o coñecemento serán adquiridos a través dunha metodoloxía lúdica, na que as actividades se desenvolvan tendo en conta o ámbito experimental de cada neno e nena.
  • O xogo será un elemento educativo de primeira orde para desenvolver os contidos, polo seu carácter motivador.
  • Organizaremos os contidos atendendo a un “enfoque globalizador”.
  • O alumnado avanzará na comprensión e aplicación das normas sociais que regulan o funcionamento dos xogos e actividades colectivas.
  • Posicionarémonos como mediadores entre as criaturas e a cultura, atendendo á diversidade do alumnado.
  • A partir da información dos coñecementos previos das criaturas, propoñeranse actividades que atraian o seu interese e que poidan relacionar coas súas experiencias anteriores. Para iso, planificaranse proxectos, actividades, tarefas e xogos que teñan un sentido claro
  • En canto á organización do tempo, planificaranse períodos estables diarios e semanais. O que posibilitará a secuenciación e a planificación das diferentes propostas educativas.
  • Nas planificacións recolleremos momentos adicados á observación, ao diálogo e á reflexión, á experimentación, á creación e a avaliación.
  • Tentaremos que o alumnado se involucre nos proxectos con xogos e actividades que lle fagan observar, imaxinar, adiviñar, buscar alternativas, formular hipóteses.
  • A distribución da aula farase establecendo diversos espazos, o que posibilita que o alumnado desenvolva ao mesmo tempo tarefas diferentes.
  • Crearanse, por exemplo, recantos de biblioteca, de ordenador, de letras, da arte, de lóxico matemática, de xogo simbólico, de plástica, de arte, e aqueles outros relacionados cos diferentes proxectos da aula.
  • Consideramos o espazo de fóra da escola como privilexiado para a ensinanza e a aprendizaxe da lectura e a escritura, xa que ofrece múltiples posibilidades de contacto co texto escrito –rótulos, carteis, tendas, escaparates, valos publicitarios-.
  • A organización de proxectos consensuados, negociados e levados a cabo colectivamente polo grupo, a realización de asembleas para comentar acontecementos, as reunións en grupo para contar un conto ou cantar unha canción, constituirán valiosas estratexias.
  • Para poder atender á diversidade do alumnado e á aprendizaxe de contidos de distinta natureza, organizamos diversas formas de agrupamento:
    • De gran grupo: cando se trata de planificar conxuntamente as actividades, lectura dalgúns textos, distribución de tarefas, explicacións, debates, asembleas.
    • De pequeno grupo: A organización en parellas acostuma ser moito máis rendible polo grao de implicación que comporta –elaborar listas, buscar información, escribir notas-.
    • A actividade individual.
  • A partir da observación do que saben, podemos intervir en cada caso de xeito máis próximo aos seus coñecementos.
  • Faremos unha observación do que vai ocorrendo nas aulas para poder facer un seguimento e unha intervención diferenciada e coherente coa realidade das mesmas.
  • Profundizaremos nos procesos de adquisición das nocións matemáticas básicas, o descubrimento dos números e a súa achega á vida cotiá.
  • A vivencia do medio social facilitaralles ás nenas e aos nenos un achegamento ás festas, tradicións e costumes, de forma que, ao finalizar esta etapa educativa, poderán ser capaces de participar e gozar nelas, valorándoas como manifestacións culturais do seu contorno.
  • Partiremos dos esquemas de coñecemento do alumnado, en relación coa lectura e coa escritura, e do significado que lle atribúen.
  • Potenciaremos o uso de de todo aquilo que o contorno nos ofrece para o achegamento da lingua escrita –cromos, folletos, carteis, periódicos, revistas-
  • Para fomentar a lectura estableceremos distintas estratexias: lectura diaria de textos, organización de recantos de lectura, potenciación do uso da biblioteca de aula...

A VIDA DO NENO/A NA ESCOLA.

  • As mestras/es de infantil recollerano/a para levalo a aula e todo estará preparado para que se sinta contento/a con esta situación na compaña de novos amigos/as.
  • A partir dese intre o neno/a marcará o seu propio ritmo de aprendizaxe, sendo os seus mestres/as presentadores/as e mediadores/as co medio e a cultura do entorno.
  • Serán os seus compañeiros/as os que interactuarán con el/a en todos os ámbitos: educativos, lúdicos, relacionais… descubrindo un montón de experiencias diversas e distintas ás do fogar.
  • Desta maneira perfilará a súa personalidade buscando que chegue a ser independente, activo/a, autónomo/a e seguro/a…
  • Esta é unha labor conxunta entre os pais/titores e a escola, por iso realizaremos reunións, xuntanzas e entrevistas coas que coñecernos e pedirémosvos a vosa colaboración en múltiples actividades.

VISITA VIRTUAL